24/05/14

ENTREVISTA COLECTIVA A SÉS


Momentos antes de recibir o Premio MIMI, SÉS, nome familiar e artístico de Mª Xosé Silvar (A Coruña, 1982), mantivo unha longa entrevista co alumnado de 5º de Primaria. Nela, esta filóloga doutorada en Lingüística, antropóloga, cantautora e estudante de Filosofía, responde con soltura e franqueza a todas as cuestións plantexadas, que non foron poucas como podedes ler a continuación. 

  • Eu investiguei sobre ti e sei que gravaches dous discos: "Admirando a condición" e "Co xenio destrozado". Estás traballando nun disco novo? (Cristina)   Pois si. Quero gravar outro antes de que acabe o ano. Xa veremos. Sabedes que hai moito que facer: compoñer, adaptar, escribir textos, poñer cada cousa no seu sitio . . .

  • Ao comezo non pensabas dedicarte profesionalmente á música. Cando o decidiches? (Sara) Eu ía ser profe de literatura. Ás veces hai que cambiar; verédelo de maiores. Foi como pasa nas pelis: Ai, que ben cantas . . . Queres gravar un disco? Foi así, como nas películas.

  • Ti empezaches cantando cun grupo. Por que lle chamaste Chámalle Xis!? (Andrea B)   Un membro do grupo, "o ghaitas", que é moi simpático e, ademais enxeñeiro agrónomo, cando lle preguntaban: E vós, que cantades? El pensaba na mestura de ritmos e temas, non sabía moi ben qué contestar e dicía: Chámalle Xis! E quedou de nome para o grupo.

  • Dedicaches algunha canción a alguén? (Andrea C)   Si. Unha a mamá, porque . . . se me permitides o consello . . . Ás veces non lle dicimos todo o que as queremos. E a miña nai, que por certo, hoxe está de cumple (PARABÉNS!!!!!!) escribinlle: Non concibo a permanencia no universo / se non podo ir a onde ti estás / Ensináchesme que todo é nada / que non hai máis ouro que o amor. . . Con que vós sexades felices, as vosas nais tamén o son. Hailles que dar as grazas.

  • Sei que tocas ritmos latinos, americanos e galegos. En que cantantes te inspiras? (Ángel) Gústanme moitísimos, pero que coñezades vós . . . son vellos. . . A ver . . . Bandas míticas que seguramente coñedes como os Rolling Stones ou ACDC, Janis Joplin, a música cubana, arxentina ou dominicana como Juan Luis Guerra, tamén Fito dos Fitipaldis, Suso Vaamonde ... 

  • Das túas cancións, cal é a túa favorita? (Lucía)  Gústanme as marchosas. Eu xa de pequena era un pouco perico. As rapazas e os rapaces son iguais. Manchaba os vestidos . . . Non era "princesa" agardando ao príncipe. En todo caso, róubolle o cabalo ou pídollo prestado. Disto falo na canción Non son fada.

  • Como soubeches que eras boa cantante? (Sandra)  Aínda non o sei. Eu creo que é cuestión de gustos. É importante pensar que tes algo que dicir por ti mesma, algo que aportar á xente. Por exemplo, Picasso aportou unha maneira de pintar. Eu penso que máis importante que cantar ben ou mal é expresar ideas, sentimentos . . .

  • Pensas seguir vivindo profesionalmente da música? (Martín)  A ver . . . Se podo, si, senón tampouco pasa nada. Se é posible, hai que facer en cada momento o que importa. 

  • Por que decidiches cantar en solitario? (Laura)  Porque os meus "compis" estaban máis centrados nos seus estudos. Eu xa acabara, pero eles aínda tiñan que presentar proxectos e así. Eu prefería cantar as miñas cancións e a eles non lles apetecía moito seguir.

  • Que relación tes co grupo? (Antón)  Cos da banda? Moi boa. Son moi serios no traballo, moi profesionais e tamén moi simpáticos. Estudan moito os temas. Levámonos moi ben. Son sans: non fuman, non beben . . . Da gusto traballar con eles.

  • Como é ser famosa? (Hugo)  Igual ca ser normal. Eu son normal. Que te coñece a xente? Ben. Alguén pídeche autógrafos, e ás veces hai situacións graciosas: Persoas que se poñen nerviosas ao verte ou que poñen o teu nome nas paredes cun corazón . . . Depende de por onde te movas . . .

  • Sabemos que cantaches con AÍD. Que temas? (Carlos)  Si: Coincidimos en dous concertos en Vigo e un en Lugo. Había moita xente. Vós coñecédela, non? (Si. Veu o curso pasado a recoller o V Premio MIMI) Faino moi ben. Cantamos poemas de Rosalía. A min gústame moito Follas Novas pero non me atrevía a facer unha canción. Tamén me influíron outros autores galegos como, por exemplo, Lois Pereiro, tanto como poeta como persoa, ou Manuel Antonio, representante da literatura de a vangarda, que me ensinou a amar a liberdade. No ano 1928 publicou un poemario que se chamaba De catro a catro e eu escribín unha canción no seu honor con ese nome que incluín no álbum Admirando a condición. En xeral, os escritores que escoitas cos ollos (eles xa non están) apréndennos a pensar por ti mesma, a ter a túa opinión. 

  • En que te inspiras para escribir? (Antía)  En todo. Se estou contenta, fago unha canción alegre; se estou triste, máis tristona. Pódese facer unha canción con calquera cousa. Por exemplo: Teño que estudar pero quero ir ao parque . . . Aí xa temos un tema.

  • Por que cantas en galego? Pensas cantar noutras linguas? (Nerea)  Canto en galego porque eu son galega e síntome moi orgullosa diso. Facendo música en galego podes tocar en calquera sitio, igual ca con outro idioma: Londres, Portugal, Brasil . . . O que importa é o sentimento. A vós seguro que vos gusta a cantante inglesa Adele aínda que non entendades o que di. Polo que respecta a facer eu cancións noutras linguas, non; pero cantar con outros si. Por exemplo, vou facer con Santiago Auserón un concerto en Vilagarcía a comezos de xullo; el vai cantar en galego e eu en español. Se me pide algún arxentino, brasileiro ou inglés que cante na súa lingua, eu acepto. Gustaríame saber tódalas linguas, pero só sei unhas poucas.

  • Tes nome para o próximo disco? (Amando)  Que pregunta máis boa!! Ti podías ser periodista ... Probablemente se chame coma unha canción do álbum, aínda que non decidín cal. Barallo un par de posibilidades.

  • Cando compuxeches a primeira canción? (Rodrigo)  Supoño que no servicio da casa da miña avoa co peine diante do espello. Metíame no baño, poñíame diante do espello e, co peine na man coma se fora un micrófono, cantaba as miñas cancións en lugar das dos outros. Teño unha irmá pequena que naceu cando eu tiña 17 anos. Eu, de repente, atopeime cun bebé. Foi unha novidade coidala. A esa idade, ter unha irmá é moi especial; quérela moito e chegas a ser case como unha mamá. Foi a ela, á miña irmá Uxía, a quen lle compuxen a miña primeira canción.

  • Tardas moito en escribir unha canción? (Manuel)  Pois depende. . . Algunhas, pouquiño. Estás durmindo, ocórreseche algo, levántaste e grávala para non perdela porque, se volves durmir, pérdela. Pasa coma nos soños ou nos debuxos.


Ao remate da entrevista mudáronse os papeis e foi a propia SÉS quen lanzou a súa pregunta: Moitas grazas por facer isto do Premio MIMI. Como levades a responsabilidade? Paréceme admirable, aínda nos maiores, canto máis en vós que sodes nen@s e fixestes un gran traballo. 
Momento no que @s alumn@s de 5º contaron as dificultades que atoparon, cómo foron quen de superalas e, sobre todo, o traballo, pero tamén, a ledicia e ilusión que supuxo para eles levar o peso principal do MIMI ao ter que escribir as cartas solicitando candidaturas e, logo de recibilas, buscar información, elaborar carteis e facer as presentacións audiovisuais para o resto do alumnado e profesorado. Un proxecto que merece a pena pois, como eles din, grazas ao Premio MIMI, coñecemos o que fan moitas persoas pola nosa lingua, pola nosa cultura.

UN MILLÓN DE GRAZAS, SÉS !!!!!     UN MILLÓN DE BICOS !!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS