23/06/17

SAÍDA FIN DE CURSO A PANXÓN, BAIONA E A GUARDA

      O día 15 de xuño, o alumnado de 5º e 6º gozou dunha saída de fin de curso espectacular.

     En primeiro lugar, realizamos o roteiro literario Carlos Casares polo paseo marítimo de Panxón.


   Alí se erixe un monolito de homenaxe ao autor e hai un itinerario composto por dez laxes gravadas con títulos dalgunhas das súas obras literarias máis coñecidas como A galiña azul.



     De volta ao bus, camiñamos polo agradable paseo que une a praia de Panxón coa praia América, separadas polo Río Muíños.


      En cinco minutos chegamos a Baiona.


     Dende a muralla do parador, situada na península de Monte Boi, tamén coñecida como de Monterreal, contemplamos as illas Estelas e as Cíes, así como as praias Cuncheira, Santa Marta ou Ribeira en Baiona, e praia América e Panxón en Nigrán.



    Baiona foi o primeiro porto europeo que recibiu a nova do Descubrimento de América. No ano 1493, a Carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, atracou nestas augas. Co motivo do V Centenario do Descubrimento, no ano 1993, construíuse unha réplica da embarcación na que fixemos unha visita guiada.




     Para o xantar, eliximos a área recreativa Chan da Lagoa, no monte da Groba, rodead@s de cabalos pastando tranquilamente.

    Ao acabarmos de comer, algúns e algunhas de nós, fixemos unha "barrida", consistente en limpar a zoa recollendo os plásticos que alí atopamos.

     Logo, achegámonos ata a Virxe da Roca, monumental obra en granito construída polo arquitecto Antonio Palacios. A cara e as mans, nas que sostén un barco-miradoiro, son de mármore branco, obra de Ángel García.


     De seguido, collemos rumbo á Guarda, para visitar o castro de Santa Tegra, que ten máis de 2.000 anos de antigüidade. Nunha das dúas casas reconstruídas, agardaba Manuel, o noso guía, quen nos explicaría polo miúdo as características das diferentes construcións do castro e a vida cotiá das persoas que o habitaron.




     Na cima do monte, entramos no MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Tegra), onde se exhiben pezas da época castrense e, incluso, de épocas anteriores como o paleolítico, o neolítico e a idade de bronce.


     Despedímonos de Manuel, merendamos e mercamos algúns recordos para as nosas familias e para nós.

PASÁMOLO  XENIAL ! ! !


Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS